Thursday 09 de May de 2024

O Centro Médico da Laracha, protagonista na guía técnica de solucións innovadoras en madeira estrutural


Hoxe celebrouse a presentación desta iniciativa organizada pola Axencia Galega da Industria Forestal e a Universidade de Santiago de Compostela.

Baixo a organización da Axencia Galega da Industria Forestal e da Universidade de Santiago de Compostela mediante a Plataforma de Enxeñería de Madeira Estrutural, hoxe celebrouse na Fundación Laboral da Construción a xornada de presentación da guía técnica de solucións innovadoras en madeira estrutural na arquitectura galega actual.

A Laracha foi protagonista neste evento ao aparecer na citada guía o centro de urxencias extrahospitalarias (punto de atención continuada), proxecto de Ezcurra e Ouzande Arquitectas, como un exemplo de obra nova que pon en valor as especies forestais en crecemento en Galicia e promociona a madeira na construción.

A guía técnica de solucións innovadoras en madeira estrutural na arquitectura galega actual ten como finalidade divulgar aqueles traballos de grande calidade arquitectónica ou singularidade estrutural nos últimos anos en Galicia dando a coñecer autores, solucións técnicas novas, produtos utilizados e empresas vinculadas ao sector da construción en madeira estrutural que participasen nas obras.

O obxectivo foi dar a coñecer as posibilidades da construción con madeira estrutural e as calidades da mesma, especialmente desde un punto de vista técnico, de forma que o seu coñecemento promova unha maior demanda deste tipo de produtos e que, xunto coa competitividade en prezo por menor transporte e o incremento de concienciación sobre un consumo máis responsable, axude ao impulso da industria local para a fabricación de produtos de madeira técnica utilizando madeira de Galicia.

O Concello da Laracha estivo representado no acto na figura de Jesús Souto, edil de Urbanismo, Obras Públicas e Patrimonio.